Nova agresión a dous vixilantes da confraría pobrense

    POBRA> O incidente cos furtivos tiña lugar esta pasada fin de semana na praia dos Raposiños. Nesta praia dos Raposiños, unha das máis produtivas das concesións coas que conta a confraría pobrense, foi onde se produciu a agresión. Segundo nos relatou o propio patrón maior, Manuel Maneiro, os vixilantes achegáronse ó areal despois de avistar ó lonxe unhas luces. Unha vez no lugar e comprobar a presenza dos furtivos, ó intentar disuadilos, sufriron a agresión. Todo apunta a que se trataba dunha encerrona. Dase a circunstancia de que un dos dous vixilantes agredidos, o que resultou peor parado, Abraham Fandiño, xa sufrira anteriormente outra agresión, da que permaneceu de baixa durante bastante tempo, provocándolle ademais importantes secuelas. Segundo o patrón maior pobrense, trátase de vellos coñecidos, xa identificados, ós que a Garda Civil lles segue a pista, e que poderían ser detidos nos próximos días. Aínda así Maneiro alude á necesidade de que as Administracións tomen dunha vez por todas cartas no asunto. Nos próximos días ten previsto dirixirse ó propio Delegado do Goberno en Galicia. Teme que a situación poida agravarse aínda máis e que un episodio similar acabe en traxedia. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/09/agresionvixilanteconfrariapobra091213.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/12decembro/09/agresionvixilanteconfrariapobra091213.mp4{/flowplayer}