A apertura da rúa Pintor Xenaro Carrero estará lista a finais de ano

    NOIA> A actuación supón un investimento duns 300 mil euros, dos que a Deputación da Coruña achegará o 60%.

    Van alá varias semanas dende o inicio das obras para abrir ó tráfico a rúa Pintor Xenaro Carrero. Trátase dunha actuación perseguida dende hai tempo polo executivo noiés coa finalidade de mellorar considerablemente a seguridade vial e a fluidez da circulación na zona, ademais de comunicar o barrio de Labarta co propio centro da vila. Aínda así, antes de iniciar as obras houbo que realizar unha serie de trámites que supuxeron numerosos atrancos, entre eles a expropiación da finca que impedía a unicón de ámbolos dous extremos da rúa. Para levar a cabo a actuación, foi necesario tamén a implicación da Deputación da Coruña, que financia con máis dun 60% as obras, froito dun convenio asinado co concello. A maioría dos veciños da zona ven con bos ollos esta actuación xa que suporá a apertura total da rúa Pintor Xenaro Carrero, dándolle unha nova saída á urbanización de Irmáns Labarta. A actuación sufragada polo ente provincial verase completada tamén coa instalación de tódolos servizos, como é o caso de auga, saneamento separativo, novo alumeado e a instalación das tubaxes das redes de electricidade e telefonía, rematándose con beirarrúas nos dous sentidos. Se todo marcha segundo o previsto a nova rúa podería entrar en funcionamento antes de finais de ano. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/28/deputacionobrasruairmanslabartanoia281013.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/28/deputacionobrasruairmanslabartanoia281013.mp4{/flowplayer}