Reunión de traballo do PP provincial en Ribeira

    BARBANZA> O presidente provincial do PP, Carlos Negreira, e o secretario xeral, Diego Calvo, mantiveron esta tarde unha reunión en Ribeira, cos alcaldes e portavoces desta formación política no Barbanza. Na xuntanza, Carlos Negreira, animounos a seguir traballando coas mesmas ganas e a mesma ilusión para que as propostas dos cidadáns desta comarca sigan sendo este ano as protagonistas das iniciativas do Partido Popular. Neste sentido, o presidente provincial do PP sinalou que o ano 2014 será un ano clave, xa que se celebran as Eleccións ó Parlamento Europeo e é, ademais, o ano previo duns comicios municipais cargados de esperanza, porque, segundo el, o Partido Popular é o único partido que pode tirar da Coruña e de Galicia. Carlos Negreira pediulle ós alcaldes e portavoces un esforzo especial para afrontar, con moitas horas de traballo e dedicación, as eleccións europeas porque boa parte de noso presente e do noso futuro depende xa das decisións que se tomen en Bruselas. Por esta razón animou ós representantes desta formación política no Barbanza a continuar pegados ós veciños, para seguir sendo o partido que mellor reflicte as súas necesidades, as súas dúbidas, as súas esperanzas, as súas queixas e os seus desexos. O líder dos populares na provincia da Coruña tamén aproveitou esta xuntanza para destacar o magnífico traballo que os representantes do PP nesta comarca viñeron desenvolvendo ó longo do pasado ano 2013.