RIBEIRA> Ribeira conmemorará o 25 de novembro cunha ampla programación durante todo o mes. Ademais do acto institucional destaca a colaboración cos centros escolares para traballar a violencia de xénero dende a perspectiva da prevención.
Baixo o lema ‘Contra a violencia machista non xires a vista’ o concello de Ribeira deseñou un amplo abano de actividades para conmemorar o 25 N.
O acto institucional trasládase este ano ó día 24 para contar coa asistencia da comunidade educativa.
Os alumnos de 3º da ESO terán un papel destacada na homenaxe ás 63 vítimas contabilizadas dende o pasado 25N coa elaboración dunhas dornas de papel en lembranza de cada unha delas.
O resto de cursos terá tamén presenza na programación cun contacontos online para infantil e primaria e un obradoiro sobre violencias sexuais que se impartirá no CIFP Coroso, para alumnado de FP Básica, enmarcado na campaña ‘De Fronte’ da Deputación da Coruña.
Haberá tamén actividades para o resto de alumnado como un concurso fotográfico para os nenos de 1º da ESO. Coas instantáneas presentadas elaborarase diverso material gráfico a difundir en redes sociais e espazos públicos do concello.
A programación chegará á súa fin o día 25 cun obradoiro de defensa persoal. A intención do executivo é implantar esta actividade de xeito periódico no calendario do Concello.