Xa se poden presentar as ofertas para a construción da pérgola da estación de autobuses de Ribeira

RIBEIRA> O concello de Ribeira abriu o prazo de presentación de ofertas para a construción da nova pérgola da estación de autobuses. As empresas interesadas poden presentar as súas solicitudes ata o seis de xullo.

A nova pérgola da estación de autobuses de Ribeira constituirá, sen dúbida, un dos elementos máis singulares da nova instalación. Trátase dunha estrutura lonxitudinal de preto de setenta metros, composta por cinco bóvedas a distintas alturas. Servirá como apeadoiro central da nova estación polo que conta con viseiras de protección para evitar a exposición á chuvia e ó vento.

Os materias para a súa execución, propostos polos arquitectos responsables do proxecto, son formigón coloreado combinado con lucernarios de vidro circulares para aportar luz natural e un revestimento exterior con elementos cerámicos para protección das cubertas e impermeabilización, maior resistencia ao ambiente mariño e como imaxe característica do conxunto.

Tamén se propón a introdución de vexetación para a mellora de condicións ambientais e mobiliario urbano que axude a dar carácter e definir os espazos, emprazados sobre unha superficie de mil trescentos metros cadrados na avenida do Malecón. As empresas poden presentar as súas ofertas ata o  medianote do seis de xullo mediante a plataforma de  licitación electrónica da Xunta). A actuación ten un prezo de licitación próximo ós trescentos mil euros e conta cun un prazo de execución de nove meses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí