RIBEIRA> A acción realizada polo executivo ribeirense enmárcase no plan de recuperación das fontes e lavadoiros municipais. Trátase do antigo lavadoiro do río de Arxinde, na parroquia de Carreira, con máis de vinte anos de antiguidade e que se atopaba dende hai anos abandonado. Foi o interese dos propios veciños en recuperar este elemento patrimonial o que resultou esencial á hora de que o Concello tomase a decisión de tratar de localizalo e desbrozalo e limpalo: unha tarefa que lle foi encomendada á brigada municipal de xardinería.A intención do goberno local pasa por poñelo en valor a través dalgunha actuación de restauración, tal como se ten feito xa en numerosos elementos do municipio como é o caso de Fondevila, Martín, A Nogueira ou a fonte en Corrubedo. Ademais, o tránsito por este enclave será incluído no itinerario da ruta de sendeirismo circular de Carreira no que se está a traballar, e que pasará tamén por outros lugares atractivos desta parroquia, como o lavadoiro de Pedrín, a capela de San Roque, a lagoa de Carregal ou o miradoiro de Pedra da Ra, entre outros.
Inicio Barbanza - Muros - Noia