Arden tres furgonetas de reparto dunha panadería de Cambados

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/01xaneiro/28/INCENIDOPANADERIABLANCO.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/01xaneiro/28/INCENDIO_FURGONETAS_PANADERIA_BLANCO.mp4{/flowplayer} CAMBADOS> Unha ‘vinganza persoal’. É o único motivo que atopa o propietario da Panadería Blanco de Cambados para explicar que esta madrugada arderan tres das catro furgonetas de reparto que ten. Asegura que non ten inimigos nin recibiu recentemente ningún tipo de ameaza que xustifique o suceso. Un incidente que lle acarreará, asegura, serios danos económicos ó negocio. Nin recibiu ameazas nin conta con inimigos persoais. O propietario da Panadería Blanco de Cambados rexeitaba esta mañá realizar declaracións a cámara pero si recibía a un equipo de Canal Rías Baixas para relatar a súa versión do acontecido. Visiblemente apesarado e pouco despois de falar cos investigadores da Garda Civil, o empresario aseguraba non ter ningunha pista sobre o posible autor dos feitos. O que ten claro é que se tratou dunha vinganza persoal. Todo aconteceu de madrugada, en torno ás dúas e cuarto da mañá. A esa hora detectábase o incendio na primeira das tres furgonetas de reparto que arderon. Foi na estacionada na rúa Pays de Doll, preto do seu domicilio particular. Un veciño logrou extinguir este lume axudado por un extintor logo de alertar ó dono da panadería por teléfono. Ö pouco de chegar ó lugar, o empresario recibía xa outra chamada informándolles de que efectivos de Protección Civil e dos Bombeiros estaban na avenida de Castrelo, fronte ás instalacións da panadería, apagando o lume dos outros dous vehículos de reparto. Malia que aínda non realizou unha valoración dos danos, o propietario da Panadería Blanco asegura que este será un duro mazazo por superar, xa que non está en condicións económicas de afrontar a compra de tres novas furgonetas e os vehículos están asegurados só a terceiros, co que dubida, aínda que non o tiña certo, que o seguro lle vaia a cubrir os danos por incendios. Os vehículos non quedaron totalmente calcinados, pero si inutilizados polo momento e ata que os investigadores rematen a compilación de pistas. Polo momento, hoxe, tivo que apañarse coa única que non resultou danada e un coche particular.