Leve descenso nos delitos contra o patrimonio

    PORTO DO SON> O subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade. Na reunión tomaron parte tamén o alcalde, Luis Oujo, a vicesecretaria xeral da Delegación do Gobierno, Eva Vázquez, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Benedicto González, entre outros. Con esta xuntanza reactivouse a Xunta Local de Seguridade, constituida en Porto do Son no ano 1997, cando se acordou a constitución da Comisión de Coordinación Policial, que reunía ós principais responsables dos corpos de seguridade presentes no municipio coa función principal de establecer e valorar os dispositivos conxuntos entre Policía Local, Garda Civil e Policía Autonómica. A última reunión tivera lugar no ano 2006. Durante o encontro desta mañá analizouse a problemática concreta dos delitos contra o medio ambiente e estudiáronse fórmulas de colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil, promovendo actuacións conxuntas que incidan na prevención da comisión de delitos e faltas. A reunión permitiu tamén analizar o estado da seguridade cidadá, constatando un leve descenso nos delitos contra o patrimonio á vista das estadísticas oficiais e dos informes proporcionados polos diferentes corpos de seguridade presentes ó longo do pasado ano 2013.