Plante da oposición no debate da ordenanza do aparcadoiro de Xuíz Falcone

    NOIA> Tenso pleno o vivido a pasada noite en Noia. Os edís da oposición abandonaron a sesión no debate da ordenanza do aparcadoiro de Xuíz Falcone despois de que o alcalde lles negara unha segunda quenda de intervencións. Nada facía presaxiar ó inicio da sesión un resultado coma o que finalmente se deu. Nun día de festa en Noia, debido á celebración do San Marcos, o pleno celebrado onte pola noite non puido acabar peor. A oposición ó completo abandonou a sesión cando o alcalde lles negou a segunda quenda de palabra no debate da ordenanza que regulará o funcionamento do aparcadoiro da rúa Xuíz Falcone. Así as cousas, o executivo sacou adiante en solitario o regulamento das instalacións que dispoñen de oitenta e oito prazas. Os veciños poderán optar ó alugueiro de oitenta delas por un prezo de cento oitenta euros semestrais. Os estacionamentos restantes quedarán reservados para uso municipal e persoas con mobilidade reducida. Trala saída dos concelleiros da oposición, o grupo de goberno continuou en solitario co debate dos outros puntos da orde do día. Sen embargo, a secretaria municipal recomendou deixar sobre a mesa as mocións presentadas polos grupos da oposición ó estar ausentes os seus promotores. Os tres grupos da oposición xa anunciaron que denunciarán esta decisión ante o Valedor do Pobo, ó considerar que se vulneraron os seus dereitos como concelleiros. Ademais solicitarán nos próximos días un informe á Secretaría Municipal sobre o acontecido no pleno.