A sanidade pública no Barbanza a análise

    Barbanza> Colectivos e profesionais do sector sanitario da comarca do Barbanza participaron nun encontro coa deputada de AGE no Parlamento Galego, Eva Solla. Entidades como a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública no Barbanza, a asociación AMBAR ou Mulleres en Acción e tamén profesionais do sistema sanitario na comarca acudiron a esta convocatoria de Esquerda Unida que contou coa presenza da deputada de AGE no Parlamento Galego, Eva Solla. A finalidade do encontro non era outro que debater acerca das deficiencias, problemas e dificultades cos que cada día se atopan, tanto os profesionais médicos coma os pacientes do sistema público sanitario. Ademais a xuntanza serviulle á formación para recoller as principias eivas existentes no Barbanza nesta materia. Durante a xuntanza a maioría dos colectivos participantes, así como tamén o resto de profesionais da sanidade que a título individual quixeron participar tamén no acto, coincidiron no abandono xeneralizado do sistema sanitario galego, na necesidade de mellorar e ampliar as actuais instalacións do Hospital da Barbanza e da maioría dos centros de saúde dos concellos, así como aumentar o número de profesionais ou perfeccionar os protocolos de actuación. A xuntanza tamén contou coa presenza de distintos representantes das mareas cidadáns no Barbanza como é o caso de Rianxo en Común, Boiro Novo e Nós Pobra.