Os sindicatos cualifican de éxito a folga no Barbanza

    mobilizacionsindicatos100.jpgRIBEIRA> Os manifestantes marcharon polas principais rúas ata a praza do concello onde se celebrou un acto no que participaron os tres sindicatos.

    {flowplayer}barbanza/mobilizacionsindicatos.flv{/flowplayer}

    O sector da industria foi un nos que máis se deixaron sentir os efectos da folga. Nos polígonos da comarca reduciuse notablemente a actividade posto que algunhas das principais empresas botaron o peche. Segundo as organizacións sindicais, a participación fixouse en preto do noventa por cento.

    Máis disparidade houbo noutros sectores como o comercio. Se ben, algunhas das grandes superficies comerciais tiveron que pechar pola presenza dos piquetes, no pequeno comercio non se deu un seguimento masivo.

    Aínda así, os tres representantes comarcais dos sindicatos valoraron a xornada de folga como todo un éxito e destacaron ademais o feito de non terse rexistrado incidentes.

    No sector público, a folga tivo un seguimento desigual. En sanidade, no hospital do Barbanza cumpríronse os servizos mínimos mentres que no ensino a convocatoria de folga non tivo o éxito agardado.

    Servizos mínimos

    No Hospital do Barbanza, unha das áreas máis afectadas pola folga foi a de consultas externas onde a falla dos médicos que decidiron secundar o paro provocou que algúns pacientes non puideran ser atendidos. Sen embargo, a tónica xeral foi de normalidade e os servizos mínimos garantiron a atención ós pacientes que o precisaban.

    {flowplayer}barbanza/servizosminimos.flv{/flowplayer}

    A folga no ensino tivo resposta desigual en función do centro. Por exemplo, no IES Campo de San Alberto de Noia boa parte do persoal docente secundou a folga mentres que no Número 1 de Ribeira tan só o fixo algo máis do cincuenta por cento.

    En concellos como Noia ou Rianxo, a maioría da plantilla sumouse á folga mentres que noutros como Ribeira, Pobra ou Porto do Son apenas se notou a súa incidencia.

    Redacción Barbanza