Un pacto coa Fiscalía libra do cárcere aos acusados na ‘Operación Abuelo’

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/25/xuizo_pesca_dinamita.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/25/xuizo_pesca_dinamita.mp4{/flowplayer} 

 

PONTEVEDRA> Ningún dos sete acusados no marco da “Operación Abuelo” irán a prisión. Todos aceptaron un pacto coa Fiscalía, asumindo penas de dous anos de cárcere. Unha sentenza que non se executará ó non ter ningún deles antecedentes penais.

Non houbo sorpresas no xuízo da “Operación Abuelo”. Os sete acusados ratificaron esta mañá o seu acordo coa Fiscalía, que lles permitirá evitar o paso por prisión.

Todos declaráronse culpables de adquirir, posuír e almacenar materiais explosivos para a pesca, concretamente para a campaña da sardiña de xuño de 2010, unha práctica considerada ilegal. A cambio, o Ministerio Fiscal rebaixou de cinco a dous anos a petición de prisión para todos os acusados. Ó non contar con antecedentes penais non se executará a sentenza, sempre e cando non delincan nos vindeiros tres anos.

Coa excepción do vendedor de dinamita, os outros acusados eran armadores e patróns pesqueiros, un deles de Sanxenxo. A listaxe dos que debían sentar na bancada completábaa o armador do Praia de Portonovo, que faleceu recentemente e sobre o que a Audiencia decidiu retirar os cargos.

A Operación Abuelo, dirixida polo xulgado de instrución número 2 de Cambados realizouse en 2010 e rematou coa incautación de 113 kg de explosivo en Vigo e Pontevedra.