Rianxo acolle este sábado a entrega dos Premios Irmandade do Libro

    RIANXO> O acto, organizado pola Federación de Librarías de Galicia, estará presidido polo conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad. Membros da Federación de Librarías de Galicia, entre os que se atopaban a súa presidenta Pilar Rodríguez Álvarez, e o seu vicepresidente, Xosé Antón Pedreira Mirás, foron os encargados de debullar esta mañá en rolda de prensa parte do programa do acto de entrega da 23 edición dos Premios Irmandade do Libro. Aínda que a maioría dos premiados nas distintas modalidades decidiranse na última reunión do xurado, que terá lugar ese mesmo día na vila rianxeira, aproveitouse o acto para dar a coñecer o nome da gañadora na modalidade de ‘Autora’, que recaeu na escritora ourensá Chus Pato. Ó acto de presentación tamén asistiron o alcalde, Adolfo Muíños, e o Xefe Territorial Provincial da consellería de Cultura, Indalecio Cabana. Os dous destacaron a importancia destes premios. Ademais do conselleiro de Cultura, que xa confirmou a súa asistencia a este acto, e outras autoridades, está prevista tamén a presenza de representantes de asociacións culturais e do mundo do libro, cunha ampla participación de libreiros de toda Galicia.