O presidente da Deputación compromete o seu apoio con Ribeira

RIBEIRA> O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita institucional a Ribeira. A visita foi aproveitada polo alcalde, Manuel Ruíz para trasladarlle unha serie de demandas para as que é necesario o financiamento por parte do organismo provincial.

Coordialidade e boa sintonía, a pesar das evidentes distancias políticas. Así poderíamos definir o encontro de hoxe entre o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz. A xuntanza foi aproveitada polo rexedor para realizarlle unha serie de solicitudes que, para levalas a cabo, é necesario o compromiso ou o financiamento do organismo provincial. Trataríase da posible desafectación da rúa Romero Ortiz onde se vai realizar tamén co apoio da Deputación a súa semipeonalización, do equipamento para o novo auditorio, a solución definitiva ó embotellamento da estrada provincial 7.305 ó seu paso por Carreira ou a mellora da seguridade viaria no tramo de Aguiño a Ribeira por Castiñeiras. Outra das solicitudes tiña que ver coa necesaria ampliación doutro vial. Neste caso o que conduce a Moldes dende Palmeira para darlle servizo ó futuro polígono industrial.

O presidente provincial mostrouse favorable a todas elas. Dando orde ós técnicos da Deputación a estudalas e darlle solución o máis axiña posible.

A visita no Concello rematou cun enérxico aplauso. Non era para menos…incluso algún concelleiro se atreveu a dicir, polo baixo e de xeito irónico, que acababan de vir os Reis Magos. E algo de razón non lle falta…

A visita do presidente provincial en Ribeira continuou posteriormente cun encontro co patrón maior da Confraría de Pescadores, José Antonio Pérez. Na xuntanza trataron á polémica derivada do regulamento de control pesqueiro que pretende impor a Comisión Europea. Dende a confraría ribeirense trasladaron as súas queixas sobre o tema, xa que supón un elevado investimento, que algunhas pequenas embarcacións non poden asumir, xa que se lles obriga a levar diarios electrónicos, cámaras de vixilancia e GPS a bordo, co obxectivo de controlar tódalas capturas e descartes dos barcos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí