Noia aumenta a presenza policial nas rúas para espantar ós cacos

NOIA> Preocupación, pero fundamentalmente indignación. Ese é o que senten moitos comerciantes e hostaleiros do casco urbano que nas últimas semanas están a sufrir constantes roubos ou intentos de roubos nos seus negocios.

Na maioría dos casos o botín soe ser pequeno, de escasa contía, aínda que os desfeitos causados nos negocios si que son importantes.

Para tratar de atallar esta situación, esta mañá tiña lugar no Concello unha reunión na que ademais de responsables municipais, tomaron parte representantes de Noia Histórica e da propia hostalería, co fin de analizar posibles medidas a adoptar.

A primeira delas pasaría polo reforzo, de xeito inmediato, da vixilancia nas rúas con axentes da Garda Civil, principalmente de noite.

O Concello traballa tamén na posible incorporación de dous auxiliares que se sumen ó cadro actual de axentes da Policía Local.

Dende o Concello confían en que as investigacións que están a realizar de xeito conxunto tanto a Policía Local como a Garda Civil dean os seus froitos, e canto antes se poida proceder á detención dos posibles autores destes feitos, na maioría dos casos xa vellos coñecidos das forzas da orde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí