A piscina do Son será unha realidade antes de finais de ano

    primeirapedrapiscinason_100_070307.jpgPORTO DO SON > Salvador Fernández Moreda participou no acto de colocación da primeira pedra da piscina climatizada de Porto do Son.

    O presidente da Deputación da Coruña foi recibido no concello sonense polo alcalde, Ramón Quintáns, e varios membros do seu equipo de goberno. No salón de plenos procededuse a un acto institucional que serviu ó rexedor local para agradecerlle a Fernández Moreda as numerosas inversións realizadas nestes últimos anos polo ente provincial neste municipio e que superan na súa totalidade os cinco millóns e medio de euros.

    Así Ramón Quintáns foi enumerando diversas actuacións como é o caso da Casa de Cultura de Caamaño, a depuradora de Tarrío-Orellán, melloras en distitas vías provinciais, e ás que se sumarán agora a construción da piscina climatizada e a futura dotación de herba artificial ó campo municipal do Preguntoiro. Ramón Quintáns aproveitou a presenza do titular do ente provincial para solicitarlle axuda económica para a última fase das obras de construción da casa de Cultura de Portosín.

    O presidente da Deputación coruñesa fixo referencia tamén na súa intervención á alta inversión realizada polo organismo provincial neste concello nos últimos anos. Proba desta boa colaboración é segundo el o proxecto de construción da piscina climatizada que xa é unha realidade. Un servizo importante, aínda que segundo el terá un custe elevado no seu mantemento.

    Posteriormente a comitiva de autoridades desprazouse ata a parcela na que se construirá a piscina climatizada no lugar da Tarela, na parroquia de Noal. As obras desta nova instalación, que será realizada pola empresa Alea, terán unha duración de dez meses aproximadamente, un prazo que podería ser reducido.

    O edificio constará de soto e planta baixa, lugar no que se albergará o vaso da piscina de 25 metros de lonxitude, os vestiarios, os aseos e a zona de control. O presuposto desta actuación ascende a preto do millón setecentos mil euros e o proxecto está incluído no Plan de Piscinas Cubertas Climatizadas posto en marcha pola Deputación coruñesa no ano 2005-2006 para concellos con poboación superior ós dez mil habitantes, no que se inclúe tamén a construción da piscina de Rianxo que se está a executar actualmente.

    Redacción Barbanza