NOIA> A sucesión de temporais nas últimas semanas tivo tamén consecuencias negativas sobre os bancos marisqueiros. En Noia, o mar arrastrou ata a praia de Testal gran cantidade de ameixa e berberechos. Os mariscadores retiraron o marisco para volver sementalo nas autorizacións da confraría.
Tras varias campañas malas por mor da escasa produtividade, os mariscadores de Noia viron con impotencia como a sucesión de borrascas dos últimos días puxo en risco a actividade futura. A forza do mar arrastrou ata a praia unha gran cantidade de marisco, especialmente cría.
O berberecho e a ameixa retirado hoxe de Testal volverá sementarse nos bancos coa esperanza de que fixe ben na area e acade tamaño comercial de cara próxima campaña.
Aínda que o exceso de auga doce, derivado das chuvias e do baleirado da presa do Tambre, matou moito marisco aínda se observa bastante cría viva polo que dende a directiva do pósito son optimistas.











