Preocupación por unha nova oleada de roubos no porto

    RIBEIRA> Os mariñeiros piden maior vixilancia e o incremento de medidas de seguridade na zona portuaria para evitar este tipo de feitos. Nas últimas semanas estanse a producir numerosos roubos nas embarcacións amarradas no porto de Ribeira. As últimas tiveron lugar na madrugada do pasado mércores, cando os amigos do alleo accederon ó interior de tres barcos de pesca de baixura, o “Merche”, o “Mar Jopo” e o “Rompeolas”, de onde se levaron ó redor dunhas 230 caixas de plástico para o peixe. Este episodio non foi o único, e días atrás, roubaron o motor dunha embarcación e tamén diversos aparellos. A situación empeza a preocupar ós mariñeiros xa que os roubos estanse a producir cada vez con maior frecuencia. O patrón maior de Ribeira, Xosé Antonio Pérez, tamén se fixo eco desta preocupación dos mariñeiros e armadores, que ven en perigo as súas pertenzas, polo que pide un incremento da seguridade na zona portuaria. Dende Portos de Galicia tamén están preocupados por esta situación. O seu presidente José Juan Durán lamentou que se estiveran producindo, aínda que sinalou que a seguridade nos portos é competencia das forzas e corpos de seguridade do Estado. Segundo el as cámaras de vixilancia instaladas nos portos son un elemento auxiliar de control, pero que non poden substituír o traballo que deben realizar as forzas de seguridade. Aínda así sinalou que se estudará por parte de técnicos do ente autonómico se é preciso intensificar estas medidas de vixilancia.