Vivenda sacará de novo a concurso as vivendas públicas de Xarás

    vivendassociaisribeira_100_081106.jpgRIBEIRA > A lentitude nas obras das vivendas sociais provocou a rescisión do contrato coa construtora.

    A Consellería de Vivenda decidiu finalmente rescindirlle ó contrato á empresa adxudicataria das obras das vivendas de protección oficial en Ribeira debido ó reiterado incumprimento dos prazos de execución. A intención do departamento autonómico é chegar a un acordo coa promotora para a liquidación dos traballos realizados ata o momento co obxectivo de poder sacar novamente a concurso o proxecto. Lonxe de concluír as obras dentro do prazo de dezaoito meses establecido, a empresa Seixo soamente foi quen de acometer o trece por cento do proxecto total introducindo un importantísmo retraso na construción das vivendas de promoción pública na zona de Xarás. Despois de reiterados avisos, a Consellería de Vivenda decidiu incoar un expediente de rescisión de contrato á promotora. Aínda así o proceso administrativo aínda está aberto e os técnicos deste departamento tratan de valora-lo custe dos traballos efectuados ata o de agora, basicamente a fase inicial, pois na actuación vese unicamente o levantamento da súa estrutura. Ata que a Consellería de Vivenda e a construtora Seixo non cheguen a un acordo sobre a liquidación dos traballos non se poderá sacar a concurso o novo proxecto. O retraso na execución das obras está a levantar un certo malestar no executivo local, que reclama unha maior celeridade no proceso. O alcalde Xosé Luís Torres Colomer considera que os verdadeiros prexudicados por esta situación son os propios veciños da localidade que non poderán disfrutar nun prazo breve de tempo destas vivendas de promoción pública.O executivo ribeirés baralla tamén a posibilidade de construir máis vivendas de promoción pública no municipio. Todo dependerá en boa medida da demanda existente que deberá ser canalizada a través do departamento de Servizos Sociais.

    Redacción Barbanza