O sector estaleiro galego confía no éxito de Navalia ’14

GALICIA> Navalia, que xa vai pola súa quinta edición, será escaparate das empresas navais de Galicia.

A feira Internacional de Industria Naval, Navalia, abriu hoxe a súas portas e coloca Vigo como capital mundial deste sector durante os próximos días. Máis de 500 empresas punteiras de 75 países estarán presentes neste evento, no que os estaleiros galegos esperan pechar importantes contratos e colaboracións con armadores internacionais. Na inauguración estivo presente a ministra de Fomento, Ana Pastor, acompañada en todo momento polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde. Ambos fixeron un percorrido polas instalacións xunto co alcalde de Vigo, Abel Caballero e o presidente do comité executivo de Navalia entre outros persoeiros. O conselleiro destacou, na súa intervención, a importancia de cooperación entre empresas para acadar a total recuperación económica do sector naval galego. Francisco Conde avogou por aproveitar as oportunidades de Navalia, xa que é o maior encontro de estaleiros de todo o mundo celebrado en España. Considera a feira unha inmellorable ocasión para amosar o potencial do naval galego e para tecer novas alianzas co obxectivo de mellorar a calidade dos nosos produtos e ofrecelos aos prezos máis competitivos.