O sector servizos segue liderando o descenso do paro no mes de xullo

46

GALICIA> Xullo volve deixar boas novas para o mercado laboral. O paro reduciuse o mes pasado tanto no Salnés como no Barbanza, deixando o número de demandantes en 8500 e 6200 respectivamente. Iso si, o sector servizos volve ser o que tira do emprego en todos os concellos, sobre todo nos máis turísticos. Por municipios, Pontevedra, Sanxenxo e Ribeira encabezan o descenso.

 

O sector servizos volve marcar o descenso do paro no mes de xullo. Na ría de Pontevedra, a baixada máis forte foi na capital de provincia: 391 persoas atoparon emprego en Pontevedra, 293 no sector servizos. Tamén é importante o descenso en Sanxenxo, con 325 persoas menos na lista do paro. Delas, 244 están empregadas no sector turístico.

Este peso do turismo no mercado laboral déixase notar tamén nas dúas comarcas arousás. En O Salnés o número de parados supera as 8.500 persoas, pero son 809 menos que en xuño. Por concellos, onde máis baixou foi en Vilagarcía, con 194 veciños que atoparon emprego, seguida de O Grove e Cambados. No resto de sectores, a creación de emprego é case testemuñal.

En Barbanza, o paro reduciuse especialmente en Ribeira e en Boiro. O chamativo é que mentres na vila cabeza de comarca a baixada débese ao sector servizos, no municipio boirense teñen especial peso os que atoparon traballo na industria, que só creou un posto de traballo menos que o turismo.

Dende a Xunta de Galicia celebraron estes datos. Tamén dende a Deputación de Pontevedra, aínda que alertaron da precariedade dos postos de traballo.

En Galicia, o número de inscritos no Servizo Público de Emprego baixou en case 12.700 persoas, deixando a comunidade como a segunda na que máis caeron os demandantes, por detrás de Andalucía. No conxunto do estado, foron máis de 74.000 os que conseguiron un emprego, o maior descenso no mes de xullo dende 1998.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/04/datos_paro_xullo.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/08agosto/04/datos_paro_xullo.mp4{/flowplayer}