‘Máis que emprego, a cooperativa xera riqueza’

PORTAS> Traballar a terra durante todo o ano, colleitar a uva, elaborar o viño e comercializalo. Son as fases a seguir por todo aquel que desexe producir viño como actividade da que obter ingresos sostibles. Pero o perfil da explotación vitivinícola en Rías Baixas, con tendencia á elaborar un adegueiro a nivel particular con esa uva, fan que a idea de mancomunar produción e unificar elaboración se presente como unha fórmula de negocio máis atractiva. Iso foi o que pensaron hai 16 anos moitos pequenos viticultores de Portas. Desta idea nacería a Cooperativa Viña Almirante, hoxe con 82 membros e unha superficie de explotación próxima ás 50 hectáreas.

 

 

Aínda que hoxe en día son 82, nesas primeiras xuntanzas iniciais chegáronse a contar ata 200 viticultores. É unha mostra da ilusión coa que se creou o proxecto.

 

A idea de sumar as terras de todos, compartir colleita, elaborar conxuntamente un viño e poder chegar a máis mercados era unha fórmula de abrir expectativas, de formar parte dunha entidade forte, na que sentirse respaldados e da que beneficiarse de moitas ventaxas.

 

Ademais destas vantaxes de tipo operativo, constituír unha cooperativa vitivinícola de carácter localizado, como é o caso de Viña Almirante, tamén supón un impacto moi positivo na economía do lugar. A ela pertence familias de todo o municipio de Portas e algunha dos arredores, polo que se trata dunha riqueza xerada por e para os veciños.

 

Pero a xeración de riqueza non se limita ós socios. A profesionalización da cooperativa require tamén contar con persoal que se encargue das labouras en adega, cuestións administrativas, comercialización, e en momentos puntuais da campaña, que achegue forzas en campo. Postos de emprego directos que tamén suman.

 

Viña Almirante naceu como unha cooperativa de perfil moi novo, con socios que roldaban no seu momento a vintena e que aínda hoxe seguen adiante. Socios, na súa maioría homes, por cuestións da titularidade da terra. Recoñecen que aínda hoxe en postos de dirección a presenza feminina é reducida, pero non ocorre o mesmo no día a día do traballo do campo.

 

Hai uns cinco anos, coa chegada da crise financeira e os cambios que trouxo consigo a reestruturación de viñedos decidiron mudar a estratexia de negocio, e lonxe de esvaecerse, a masa social que respalda a cooperativa permitiulles manterse en pe nos momentos máis difíciles e saír adiante.

 

Esta estratexia de crecemento sostible e pausado permítelles hoxe manter unha liña alcista en facturación ano tras ano e lograr acceder a mercados que no 2000 aparecían como impensables para un adegueiro particular. A exportación supón abrir as portas a novos mundos, ampliar as fontes de ingresos, e seguir mantendo unha actividade que ó fin e ó cabo é o sustento dun municipio.

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/29/REPOR_COOPERATIVA_VINA_ALMIRANTE.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/29/REPOR_COOPERATIVA_VINA_ALMIRANTE.mp4{/flowplayer}