PONTEVEDRA> Galicia amplía o seu toque de queda ata as 11 da noite a partires deste venres. Así o anunciou este mediodía o presidente autonómico. Segundo Alberto Núñez Feijóo, o comité clínico valorou que polo de momento se está a xestionar a cuarta vaga da covid19 sen incidencias importantes, de aí que se animaran a tomar esta decisión. A medida virá acompañada dunha flexibilización das normas na hostalería: os restaurantes poderán volver dar ceas ata as 11 da noite.
A partires deste venres os galegos poderán estar na rúa ata as 11 da noite. O presidente da Xunta de Galicia anunciou que o toque de queda se retrasa unha hora.
Outra das medidas de relaxación das restricións anticovid afecta a unha parte da hostalería. Mentres os bares seguirán pechando ás 9 da noite, os restaurantes poderán facelo ás 11. Iso si, terán que cumprir tres condicións.
O que non fará a Xunta polo de momento é levantar o peche perimetral de Galicia.
E é que Núñez Feijóo advirte que a cuarta vaga da covid19 xa está aquí, pero tamén asegura que Galicia está a xestionala, de momento, con tranquilidade.
Esta situación é a que anima á Xunta a flexibilizar as restricións. Con pasos pequenos pero firmes.
Por concellos, O Grove a A Pobra permanecen en nivel máximo, mentres que Boiro e A Illa continúan no alto. No medio seguen Ribeira, Meis, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova, e a partires do venres sumarase Meaño. Pola súa banda, Noia mellora e pasa a nivel medio baixo.