A Deputación da Coruña entrega os Premios PEL 2026

BARBANZA> Nunha gala celebrada no Coruña Estudio Inmersivo, na Cidade das TIC, a Deputación da Coruña entregou os Premios PEL 2026. Uns galardóns cos que a institución provincial pretende recoñecer cada ano o talento, a innovación, a capacidade de xerar emprego e o compromiso co territorio das empresas da provincia.

Presidida polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a deputada de Emprego, Rosa Ana García, a gala contou coa participación de numerosos alcaldes e alcaldesas da provincia e unha ampla representación do tecido empresarial, económico e social.

Na súa intervención o presidente provincial agradeceu tódalas propostas presentadas ó certame, un total de 145, récord de participación de tódalas edicións presentadas ata o de agora.

Con estes premios o que se busca é visibilizar e poñer en valor o enorme talento que existe en toda a provincia da Coruña.

Na categoría de Mellor Iniciativa Emprendedora, o premio foi para Nubeiro Labs, empresa con sede en Cabanas. O xurado decidiu dar tamén nesta categoría un accésit á firma La Tribu Verde, unha consultora con sede en Oleiros especializada en sustentabilidade aplicada ó sector audiovisual e cultural.

Na categoría de Mellor Traxectoria Empresarial, o premio foi para Ubaldo Cerqueiro García, polo proxecto Que pasa na Costa, un diario dixital de referencia da Costa da Morte dende 2007. Nesta categoría o accésit foi para Chévere Produccións.

Na categoría de Mellor Iniciativa de Territorio Sostíbel, o premio foi para Enzicas Bio, microempresa biotecnolóxica radicada en Santiago especializada no desenvolvemento de ingredientes naturais con capacidade enzimática para a industria alimentaria. Nesta categoría o xurado decidiu outorgar tamén un accésit a Cynthia Arias Ramil, polo seu proxecto Bieiteiras, unha iniciativa de produción agroecolóxica baseada na recuperación do patrimonio rural familiar.

Na categoría de Mellor Iniciativa Empresarial Singular, o premio foi para a firma de Ribeira Frouma Atlantic Wood que dirixe Francisco José Millán Valiño. Un obradoiro artesán que recupera madeira procedente das bateas para transformala en mobiliario e obra artística de autoría singular. Nesta categoría o accésit foi para José Manuel Salvado Sanín, polo proxecto Sanín Percusión Tradicional, obradoiro artesán situado en Lavacolla, no concello de Santiago. A Mención Honorífica do Xurado á Mellor Iniciativa Transformadora do Rural foi para Queizuar, queixería fundada en 1997 na aldea de Bama, no concello de Touro.

Na gala tamén se deu un recoñecemento especial ó xornalista de La Voz de Galicia e Radiovoz Ferrol Isidoro Valerio, pola súa traxectoria profesional de máis de catro décadas vinculada principalmente á radio, sendo unha das voces de referencia da comunicación en Ferrolterra e na provincia da Coruña.