Prisión para catro dos detidos nas dúas operacións antidroga en marcha no Salnés

O SALNÉS> En Vilagarcía, catro das cinco detidas o luns pasaron hoxe a disposición xudicial. Decretouse prisión provisional sen fianza para dúas delas, mentres que as outras dúas quedaron en liberdade. Entretanto, nos xulgados de Cambados tamén pasaron hoxe a disposición xudicial os detidos onte na operación contra o tráfico de heroína. Tamén neste caso, dous dos detidos quedaron en liberdade, mentres que para os outros dous decretouse prisión sen fianza.

Está mañá pasaron a disposición xudicial os 4 detidos o luns en Vilagarcía na operación antidroga, que se salda polo de agora cun balance de 11 detidos en diversos puntos. Para dous deles decretouse prisión provisional comunicada e sen fianza. As outras dúas persoas quedaron en liberdade. Segundo explicou hoxe a Policía, que desartellou a banda, a organización de ámbito internacional introducía cocaína en Mallorca dende Galicia. As forzas de seguridade interceptaron máis de 14 quilos de droga e 126.000 euros.

Ademais, nos xulgados de Cambados, pasaban tamén esta mañá a disposición xudicial 4 dos 5 detidos onte na outra operación policial contra o tráfico de heroína. Dous deles quedaron en liberdade con comparecencias quincenais, mentres que para os outros dous foi decretada prisión provisional comunicada e sen fianza.

O comandante xefe da Garda Civil de Pontevedra salienta que a operación continúa en marcha e que podería haber novidades. Jorge González tamén amosou a súa preocupación polo repunte de heroína que se detecta nas operacións de narcotráfico no litoral galego. Neste caso apreixáronse 7 quilos.