BARBANZA> A visita institucional do presidente Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a Bos Aires estivo centrada no reforzo dos vínculos coa diáspora galega e en impulsar a cooperación nos ámbitos cultural, científico e da memoria democrática.
Así un dos actos principais producíase na sede da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, onde mantivo un encontro coa directiva da entidade e cos músicos e actores da Compañía Teatral Galega de Bos Aires, acabada de crear.
Alí Formoso destacou o papel fundamental que durante décadas desempeñou a emigración galega na construción da Galicia actual e defendeu a necesidade de manter e fortalecer os vínculos coas novas xeracións de galegos e galegas no exterior.
Na súa intervención o presidente provincial incidiu tamén na importancia de que as persoas descendentes da emigración poidan manter os seus vínculos e dereitos como cidadás españois e reivindicou a denominada Lei de Netos coma un recoñecemento xusto a miles de familias marcadas pola emigración nos anos máis escuros da nosa historia.
Pola súa banda, o presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, Luís Fernández Ageitos, fixo referencia á loita desenvolvida durante anos pola Federación e polo conxunto da colectividade para conseguir o recoñecemento dos dereitos das persoas descendentes de cidadás e cidadáns españois no exterior e chamou a evitar calquera retroceso nos avances acadados.
A visita tivo tamén unha destacada vertente cultural, xa que Formoso mantivo un encontro cos músicos da Orquestra da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina e co elenco de actores e actrices de “O Heroe”, de Manuel Rivas, representada durante os últimos meses no Teatro Empire da capital porteña, financiada con uns 42 mil euros polo ente provincial.
A idea que estuda agora a Deputación é ver tamén a posibilidade de poder traer a dita función ó Teatro Colón da Coruña, abrindo así unha nova ponte cultural entre Galicia e a colectividade galega de Bos Aires.











