GALICIA> O Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia entrará en vigor este xoves tras ser aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o pasado 30 de abril. O plan ten como obxectivo principal a planificación das actuacións de solo empresarial que se poderán executar en Galicia ata 2024. O Plan sectorial serve para cuantificar, planificar e localizar a superficie necesaria de solo empresarial e definir os ámbitos do territorio susceptibles de acoller actuacións deste tipo para cubrir as necesidades a longo prazo. A demanda real de solo servirá para priorizar as actuacións previstas no plan e o momento de acometelas O Plan é froito dun longo proceso de investigación, análise e consultas dirixidas a planificar aquelas actuacións que realmente se prevé van a ser necesarias nos próximos anos, analizando a situación actual e a demanda futura dende un punto de vista centrado nas comarcas, co obxectivo de gañar eficacia na respostas ás demanda que se presenten. Por un lado realizouse unha análise do solo empresarial que na actualidade ofertan tanto os organismos dependentes ou relacionados coa Xunta como doutros organismos públicos e entidades privadas, considerando o solo xa dispoñible e o que se atopa actualmente en execución ou previsto. Por outra parte, realizáronse enquisas e entrevistas a empresas galegas, órganos administrativos, axentes sociais e económicos co obxectivo de cuantificar a futura demanda de solo empresarial en Galicia e a localización da mesma. Tamén se realizou un estudo das vendas de solo empresarial no período 2000-2008 e finalmente completouse o estudo do mercado coa utilización dun modelo estatístico que, utilizando diversas variables socioeconómicas e baseándose na evolución das vendas desde o ano 2000, realizou unha proxección das necesidades de solo empresarial cara ao futuro. Os resultados deste traballo indican que nos próximos anos máis do 18 por cento das empresas galegas van necesitar novas superficies industriais, que destinarán maioritariamente á ampliación das actividades existentes, a cambios de localización e á diversificación das súas actividades. As estimacións de demanda de solo empresarial saídas dos estudos realizados veranse reforzadas ou reaxustadas polos datos reais que ofrecerá o Rexistro de demandantes de solo empresarial en cuxa creación traballa actualmente o Instituto Galego da Vivenda e Solo. O obxecto é determinar onde se desenvolverá nos próximos anos o solo empresarial que demanden as empresas galegas ou que desexen asentarse en Galicia. En total, inclúense 117 actuacións, situadas en 95 concellos.
Inicio Galicia