O vilagarcián Raúl Santamaría estréase no Parlamento como membro da mesa de idade

GALICIA>  Bota a andar a XII lexislatura no Parlamento de Galicia. Miguel Santalices foi reelixido presidente e a cambadesa Montse Prado, do BNG, vicepresidenta segunda. Incóranse á mesa da cámara Ethel Vázquez, que deixa a Consellería de Infraestruturas para ocupar a secretaría. A socialistas Patricia Iglesias tamén se estrea como vicesecretaria despois de que o BNG cedese un dos seus postos ao PSdeG. Esta mañá tamén se estreou o deputado vilagarcián Raúl Santamaría, que formou parte da mesa de idade da sesión constitutiva.

A sesión constitutiva da XII lexislatura no Parlamento de Galicia comezou co vilagarcián Raúl Santamaría formando parte da mesa de idade. O popular, con 25 anos é o deputado máis mozo dos 75 que compoñen a renovada Cámara do Hórreo.

El foi o encargado de dar lectura á convocatoria de eleccións do pasado 18 de febreiro e ao nome dos deputados electos. A continuación tivo lugar a elección da mesa do Parlamento. Incorpórase a ela como secretaria a ata o de agora Conselleira de Infraestruturas da Xunta, Ethel Vázquez. A socialista Patricia Iglesias é a nova vicesectaria, logo de que o BNG lle cedese ao PSdeG un posto na mesa, que lle correspondía aos nacilistas polos seus resultados electorais.

O resto do órgano reitor da Cámara Galega queda como estaba. A cambadesa Montse Prado mantense como vicepresidenta segunda, polo BNG, mentres que como vicepresidenta primeira repita a popular Elena Candia. O ourensán Miguel Santalices repide como presidente, cargo que ocupa dende 2016.

Nesta sesión constitutiva tamén tomaron posesión do seu escano os deputados e deputadas saídos das pasadas eleccións. A maioría dos 40 deputados do PPdeG optaron por xura-lo cargo, mentres que os 9 do PSdeG e os 25 BNG prometérono. Como xa é tradición, os do Bloque tomaron posesión con exemplares do Sempre en Galiza de Castelao e un caravel, e o uso dunha fórmula de promesa propia.

Ademais das tres forzas principais, o Parlamento de Galicia contará nesta lexislatura con grupo mixto, composto só polo único deputado de Democracia Ourensana. O arranque da lexislatura despexou tamén o primeiro cambio no executivo de Alfonso Rueda, coa saída da xa secretaria da Mesa do Parlamento Ethel Vázquez. A toma de posesión do presidente da Xunta será a comezos de abril e polo de agora non hai máis pistas sobre a continuidade ou saída do resto de conselleiros que a acompañaron que a acompañaron na súa primeira etapa á fronte da Xunta, dende maio de 2022.