GALICIA> Arrancou no Parlamento de Galicia o pleno de investidura de Alfonso Rueda. O candidato á presidencia da Xunta ofreceu á oposición un pacto pola industria. O popular interviu na Cámara unha hora e media, avanzando novas direccións xerais e cambios de competencias e comprometéndose a que durante esta lexislatura a cultura e as políticas lingüísticas teñan máis peso. O pleno retomarase o xoves coa intervencións dos grupos parlamentarios e a votación da que Rueda sairá elixido presidente.
Durante hora e media o candidato á presidencia da Xunta debuxou no Parlamento as que pretende que sexan as liñas que marcarán estes vindeiros catro anos. O popular tendeu a man á oposición para chegar a un gran pacto pola industria.
Rueda tamén avanzou que durante esta lexislatura quere darlle un novo impulso á cultura e as políticas lingüísticas.
Tamén anunciou a creación dunha nova dirección de Asuntos Constitucionais dentro de Presidencia, para coordinar -dixo- “a defensa da lexislación galega ante o Estado”. Neste sentido, aproveitou a tribuna para lanzar críticas ao goberno central ao tempo que avanzaba que pedirá canto antes unha reunión con Pedro Sánchez.
Da estrutura do seu goberno, polo de agora, poucos avances. Polo de agora sábase que creará novas direccións xerais e que haberá bailes de competencias entre consellerías. Por exemplo, as competencias en Emigración, que dependerán de Emprego; ou as competencias en ordenación do solo industrial que asumirá Industria, cando ata o de agora eran competencia de Medio Ambiente e Territorio.
En canto a nomes, de momento nada. Unicamente salienta-la presenza hoxe no Parlamento dunha das persoas que soa como futuro conselleiro, o polo momento aínda alcalde da Estrada, José López.iNVE