Rueda tomará posesión como presidente da Xunta o 14 de maio

GALICIA> Alfonso Rueda tomará posesión como presidente da Xunta o vindeiro 14 de maio. O Parlamento de Galicia celebrará o martes e xoves da semana que vén o pleno de investidura do sexto presidente galego, o primeiro con orixe pontevedrés. Durante esta xornada, o presidente do Parlamente recibiu aos tres grupos políticos para prepara-la remuda que pon fin a 13 anos de Feijóo.

O calendario para  a remuda de Feijóo comeza a coller forma. O Parlamento de Galicia celebrará o martes e xoves da semana que vén o pleno de investidura que converterá a Alfonso Rueda no próximo presidente da Xunta. Dese xeito, a toma de posesión do pontevedrés terá lugar o sábado día 14.

Un día antes, o venres, Miguel Santalices trasladaralle o resultado da votación ao Rei. Unha votación, por certo, na que aínda participará Feijóo, antes de abandona-la súa acta como deputado.

Os preparativos para a investidura xa arrancan esta semana. O xoves terá lugar unha reunión da Mesa do Parlamento e da xunta de voceiros para fixar xa de xeito oficial o calendario que marcará o traspaso de poderes entre Feijóo e Rueda.

Hoxe, o Parlamento Galego activou os trámites para facer efectivo ese relevo. O seu presidente reuniuse este luns cos voceiros dos tres gurpos con representación na Cámara do Hórreo para propoñer candidato.

O voceiro do grupo popular, Pedro Puy, foi o encargado de comunicar ao presidente do Parlamento o nome de Alfonso Rueda como candidato a presidi-la Xunta.

Coa maioría absoluta de 42 deputados que ten o PP, o camiño para Rueda está xa despexado. Socialistas e nacionalistas non van presentar candidato. O PSdeG aínda non decidiu se votarán en contra ou se absterán. O Bloque xa confirmou que votará en contra de Rueda porque –din- non poden apoiar ao ‘secundario’ de Feijóo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí