Dous núcleos familiares e un máximo de seis persoas para as ceas do Nadal ‘covid’ en Galicia

GALICIA> Xa sabiamos que o Nadal 2020 ía ser diferente, pero hoxe temos máis detalles sobre como afectará a COVID19 ás nosas celebracións. A Xunta de Galicia deu esta mañá as principais pautas: non deberán reunirse máis de dúas unidades familiares e non se poderán superar as seis persoas. Mantendo sempre, iso si, a máscara, as distancias de seguridade e o lavado de mans.

A COVID19 leva meses dándolle a volta aos nosos costumes e o Nadal non ía ser unha excepción. As imaxes de familias reunidas ao redor dunha mesa ateigada non se deberían dar nos fogares se queremos evitar a proliferación do virus.

Galicia xa limitou estas xuntanzas. O comité clínico recomenda que só se xunten convivintes. De maneira excepcional poderán reunirse dous núcleos familiares, cun máximo de seis persoas, sen contar aos menores de dez anos.

Dende a Consellería insisten tamén en que estas burbullas familiares se manteñan en todas as xuntanzas. Galicia, ademais, queda pechada perimetralmente entre o 23 de decembro ao 6 de xaneiro, e os desprazamentos só poden facerse para reunirse coa familia. O toque de queda mantense ás 11 da noite, alongándoo ata a 1 e media en Noiteboa e Fin de Ano.

Reducir as relacións sociais os días previos ás reunións, empregar mesas grandes, evitar os saúdos e non compartir comida, son outras das medidas recomendadas polos expertos. Mantendo, ademais, a máscara, a distancia de seguridade e o lavado de mans.

Segundo os expertos, este é o protocolo que teremos que cumprir no que será o primeiro, e agardemos que o último, Nadal coa COVID19.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí