18F: O Partido Popular revalía a maioría absoluta e Alfonso Rueda continuará como presidente da Xunta

GALICIA> O Partido Popular mantén a maioría absoluta e Alfonso Rueda continuará sendo o presidente da Xunta de Galicia.

Os populares perden dous deputados, quedando nos 40. Suficientes para manter a maioría absoluta, situada nos 38. É a quinta consecutiva que a formación acada en Galicia.

O BNG consegue un resultado histórico, subindo dende os 19 escanos do 2020 aos 25.

O PSdeG-PSOE, pola súa banda, acada un mínimo histórico. Os 196.731 votos obtidos tradúcense en 9 deputados, 5 menos que nos anteriores comicios autonómicos.

Nin Vox, nin Sumar, nin Podemos conseguen entrar no Parlamento de Galicia. Non así Democracia Ourensana, que se fai con un escano para Armando Ojea.

A participación acadou finalmente o 67,11%, dezaoito puntos máis que nas eleccións de 2020.

Consulte aquí un resumo do que deu de si a xornada:

23.23 🗳 O Partido Popular mantén a maioría absoluta e Alfonso Rueda continuará sendo o presidente da Xunta de Galicia.

 

19.00 🗳 A participación nas eleccións ao Parlamento de Galicia ás 17.00 horas foi de máis do 49%, segundo os datos ofrecidos polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

Trátase dun dato que supera o rexistrado no 2020. Nos comicios dese ano fora de ao redor do 43%.
Por provincias: na Coruña a porcentaxe é do 48,57%, en Lugo do 49,75%, en Ourense do 50,19% e en Pontevedra do 49,34%.
Hoxe nos colexios electorais a cidadanía destacaba a importancia de exercer o seu dereito ao voto.
 
 

17.47 🗳 O candidato do PSdeG votou esta mañá en #Lugo. Jose Ramón Gómez Besteiro definiu a campaña dos socialistas como ‘propositiva e en positivo’ e amosouse optimista sobre a posibilidades da súa formación.

Gómez Besteiro seguirá o escrutinio desta xornada electoral dende a sede do Partido Socialista en Santiago de Compostela.

 

16.45 🗳Alfonso Rueda Valenzuela, candidato do Partido Popular de Galicia, votou en #Pontevedra acompañado polas súas fillas. As dúas mozas destacaron o orgullo de poder votar por el por primeira vez de xeito directo.

 

15.56 🗳 A número 3 da candidatura do PSdeG pola provincia de #Pontevedra, Paloma Castro, fixo un chamamento á participación. Destacou a importancia de que ‘a xente participe no futuro de Galicia’.

Castro asegurou que as filas socialistas están a vivir esta xornada con moito ánimo: ‘Estamos todos xuntos e notamos moito apoio da xente’.
 
 

14.45 🗳 Ana Pontón, candidata do BNG – Bloque Nacionalista Galego á presidencia da Xunta de Galicia, votou convencida de que esta convocatoria electoral pode abrir unha nova etapa: ‘Hoxe hai miles de galegos que comparten esa ilusión e esperanza e irán votar par construír a Galiza que queren e soñan. Hoxe é un día no que Galiza pode facer historia’.

Pola súa banda, o cabeza de lista do #BNG pola provincia de Pontevedra, Luis Bará Torres asegurou que foi a mellor campaña que recorda: ‘Esta campaña foi impresionante. A mellor que vivimos nunca. Moito apoio e entusiasmo da xente e agardamos que se confirme un voto masivo cun gran apoio á candidatura do #BNG’.
 
 
 

13.45 🗳 Esta é a primeira vez que Alfonso Rueda Valenzuela se somete á vontade das urnas como candidato do Partido Popular de Galicia. Rueda asegurou que agarda unha alta participación ‘con liberdade e con sentidiño’. Tamén defendeu que ‘hoxe se decide o futuro de Galicia’. A súa intención é marchar para Santiago de Compostela a primeira hora da tarde para seguir a xornada electoral co seu equipo.

O candidato popular explicou que está en contacto con Alberto Núñez Feijóo dende primeira hora da mañá. O líder do Partido Popular nacional estará pendente da actualidade galega dende Madrid.

12.12 🗳 No colexio Rosalía de Castro de Lugo votou o candidato do PSdeG.

Convencido de que será un día histórico para Galicia, José Ramón Gómez Besteiro animou á cidadanía a participar nesta xornada electoral.

 

 

12.12 🗳 No Centro Galego de Tecnificación Deportiva de #Pontevedra votou ás 11.30 o presidente da Xunta de Galicia e candidato do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela. Fíxoo acompañado da súa muller e das súas fillas, rodeado dunha gran expectación mediática.

 

11.08 🗳 Ás 11.00 votou en #Pontevedra a número 3 da candidatura do PSdeG-PSOE pola provincia, Paloma Castro. Fíxoo no colexio de Campolongo. Castro animou a toda a cidadanía a votar durante a xornada de hoxe.

 

10.00 🗳 Tamén foi madrugadora a candidata do BNG – Bloque Nacionalista Galego á Xunta de Galicia. Ana Pontón votou ás 9.30 da mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela.

 
 

9.40 🗳 En #Pontevedra, o candidato máis madrugador foi o nacionalista Luís Bará. O número 1 do BNG pola provincia de Pontevedra votou no IES Frei Martín Sarmiento. Estivo acompañado polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e pola senadora Carme da Silva.

 

9.00 Arranca a xornada electoral en Galicia.