Boiro acollerá este sábado a X Festa do Deporte

BOIRO> A actividade, organizada polo Departamento de Deportes, servirá de acto de clausura ó programa deportivo de inverno e ás Escolas Deportivas Municipais. A festa do deporte organizada polo concello de Boiro acada este ano a súa décima edición. A iniciativa responde ó obxectivo de poñer fin ás actividades desenvolvidas dende o pasado mes de outubro, a través das escolas deportivas municipais, coas que colaboran os distintos clubs deportivos existentes na localidade, e de paso inaugurar a tempada de verán. Nesta festa do deporte daranse cita máis de 1300 rapaces incluíndose a práctica totalidade das disciplinas deportivas. O alcalde, Xoán Xosé Dieste, fixo referencia ó importante investimento que o concello destina ó deporte, incrementando non só o seu presuposto, senón tamén mellorando as instalacións e aumentando as axudas ós clubs locais. Dende as dez da maña, e incluso pola tarde, en distintos escenarios, como é o caso do pavillón da Cachada, nas pistas polideportivas da Boqueira de A Negral ou nas remodeladas instalacións de fútbol de Vista Alegre, que se aproveitará para inauguralas, desenvolveranse un senfín de actividades como é o caso de torneos de xadrez, tenis de mesa, baloncesto, voleibol, natación e fútbol.