SANTIAGO> ABANCA é o nome que ven de adoptar a entidade bancaria coñecida como Novagalicia Banco. Onte presentábase en sociedade a súa imaxe corporativa e tamén a súa folla de ruta para os vindeiros anos. A principal promesa é a de destinar o 3 % dos seus beneficios a fins sociais.
Un banco con alma de caixa e caracter de proximidade e servicio ós galegos. Así ven de presentarse onte en Santiago ABANCA, o que é a reformulación de Novagalicia Banco; unha vez que o pasado mércores o Banco de España, a través do FROB, traspasou a súa propiedade ó grupo bancario Banesco, liderado do Juan Carlos Escotet. Francisco Botas será o único conselleiro delegado da entidade, que terá sede central na Coruña; sendo Juan Carlos Escotet, Presidente de Banesco, vicepresidente da entidade, e presidente Javier Etcheverría de la Muela. En cifras, ABANCA conta con 4.700 empregados que operan nunhas 583 oficinas en Galicia, 111 no resto do territorio nacional e outras quince no estranxeiro. A súa previsión é a de acadar unha cifra de negocio de 478 millóns de euros no 2017; dos que o 3 % irá destinado á obra social. O Presidente da Xunta gabou a permanencia desta entidade financeira en Galicia como epicentro das decisións, logo de tres anos de polémica sobre a posibilidade de manter a galeguidade das caixas. Ó tempo, Feijóo reclamoulle a ABANCA que convencese cas súas obras á poboación máis reticente. ABANCA promete vir para quedarse e mesmo garantir a presencia de oficinas en tódolos municipios galegos; para iso fará uso das oficinas do Banco Etcheverría, entidade que pasa a formar parte de ABANCA. Esta integración obrigará a evitar duplicidades de oficinas nalgúns núcleos poboacionais. Hoxe case tódalas entidades lucían a nova imaxe.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/27/abanca.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/27/presentacion_abanca.mp4{/flowplayer}