Máis de trinta empresas representarán a Galicia na Feira Europea Seafood

GALICIA> A Xunta promocionará os produtos galegos do mar na XXII edición da feira European Seafood Exposition, que se celebra esta semana en Bruxelas. A Consellería do Medio Rural e do Mar está presente neste certame cun stand de 447 metros cadrados que acolle e dá cobertura a un total de 34 empresas galegas. Ademais, a Consellería apoiou a presenza destas empresas galegas no Centro de Negocios da feira, no que terán lugar diferentes contactos comerciais cunha axenda que foi propiciada polo Departamento que dirixe Rosa Quintana. As firmas galegas presentes en Seafood pertencen fundamentalmente ás áreas da pesca, conxelado, ultraconxelado, transformación, acuicultura, comercialización e conserva. O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, estará presente nesta feira os días 6 e 7, para apoiar a promoción dos nosos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura. Coma en anos anteriores, as empresas máis importantes do mundo estarán presentes neste evento, que ademais dos produtos do mar incorpora outros sectores, caso dos equipamentos e maquinaria para o procesamento industrial, embalaxes e contedores, servizos relacionados co transporte e o control da calidade e outros produtos complementarios. A importancia desta feira internacional vese reflectida nos datos da pasada edición, na que participaron 1.690 expositores de 75 países e houbo máis de 25.000 visitantes.