As Neves, reduto fiel dos tintos de Rías Baixas

AS NEVES> Como cada verán, os tintos de Rías Baixas reclaman o seu espazo na Denominación de Orixe. O seu reduto está en As Neves, en pleno corazón do Condado. O concello acolleu este ano a décimo terceira edición da festa dedicada a estes caldos; cita na que participaron máis de 30 marcas de 15 adegas que apostan polo tinto.

Os tintos de Rías Baixas teñen o seu reduto en As Neves. Fieis á súa cita, aproveitaron a súa festa para reivindicar os seu espazo na Denominación de Orixe.

Nesta décimo terceira edición participaron máis de 30 marcas de 15 adegas. Todas fan unha aposta decidida polos tintos de Rías Baixas, decididos a situalos no lugar que lles corresponde. Non en van, as variedades tintas son as de máis tradición nesta zona de Galicia.

Quizais son menos coñecidos que os brancos, pero esta fin de semana demostraron o seu poder de convocatoria. Pola festa pasaron milleiros de persoas, decididos a probar estes caldos. Unha promoción excelente para un sector con tanto peso na economía galega.

O actor Antonio Durán, Morris, foi o encargado de poñer cara a esta Festa do Viño Tinto Rías Baixas. Non ocultou o seu gusto polo bo viño, especificamente polo tinto, e apostou polo seu posicionamento ante o consumidor.

De xeito paralelo á festa, a cita reservou tamén a posibilidade de catar os viños de xeito máis calmado. O Túnel do Viño repetiu, e foi todo un éxito, como alternativa para coñecer máis de preto estes tintos Rías Baixas.

E é que os expertos confían no amplo horizonte que teñen os tintos de Rías Baixas por diante. Aínda que advirten da necesidade dun cambio de mentalidade.