Multitude de veciños e autoridades acoden á capela ardente dos mariñeiros do ‘Sin querer 2’

CAMBADOS> Ducias e ducias de veciños e amigos achegáronse durante esta xornada á capela ardente dos tres mariñeiros, instalada no pavillón do Pombal. Ata alí tamén se achegou o presidente da Xunta, que quixo acompañar ás familias das vítimas nestes duros momentos. Polo velorio tamén pasaron ó longo desta mañá o vicepresidente do goberno galego, a Conselleira do Mar, a Presidenta da Deputación de Pontevedra e a voceira Nacional do BNG.

Nunha mañá gris, na que a chuvia non cesou, o ir e vir de xente á capela ardente dos mariñeiros foi constante. Dende primeira hora foron moitos os veciños e amigos das familias os que se achegaron ata estas instalacións deportivas, convertidas dende onte nun velorio conxunto.

O presidente da Xunta tamén se achegou nesta xornada a acompañar ós familiares das vítimas. Alberto Núñez Feijoo chegou ó Pombal minutos despois das 11 da mañá, acompañado do Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e de Rosa Quintana, a Conselleira do Mar. Ningún deles quixo facer declaracións, asegurando que hoxe o que tocaba é estar cos familiares das vítimas.

Si falou a presidenta da Deputación de Pontevedra. Unha emocionada Carmela Silva recoñecía que apenas tiña palabras para expresa-la dor de tódolos pontevedreses e de tódolos galegos. Coa presidenta da Deputación, a alcaldesa de Cambados. Fátima Abal recoñecía a dureza dun día como o de hoxe.

Por esta capela ardente tamén pasaron ó longa da mañá o Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra, o tamén cambadés Xosé Manuel Cores Tourís, e a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, quen tamén optou por non facer declaracións.