‘Só o PSOE aposta por unha España federal con máis competencias para as autonomías’

PONTEVEDRA> A poucas horas de finalizar o prazo de presentación de avais, Eduardo Madina, aspirante a candidato á secretaría xeral do PSOE estivo en Pontevedra para presentar as súas propostas ós simpatizantes da cidade. Abrumado polos apoios que está a recibir nas últimas horas, Madina insistiu na necesidade de que os socialistas actúen máis unidos ca nunca e reclamou para Galicia e o conxunto do estado un modelo federal. Eduardo Madina chegou a Pontevedra sen ter claro aínda os avais que depois desta media noite respaldarán a súa postulación como candidato a secretario xeral dos socialistas. Onte á tarde presentaba 15.020 na sede de Ferraz, sinaturas moi por riba do listón mínimo para presentarse á consulta do 13 de xuño, 9.874. O seu equipo calculaba nas últimas horas poder chegar ós vinte mil, como o do seu contrincante máis claro, Pedro Sánchez. Ante a posibilidade de que se cole nas listas o voceiro de Esquerda Socialista, José Antonio Pérez Tapias, Madina amosouse tranquilo e satisfeito da ‘ilusión’ que está a espertar este congreso. Un congreso histórico, segundo Madina, no que por primeira vez os militantes elixirán ó seu secretario xeral mediante o voto directo. O socialista apelou á unidade para que o PSOE saia reforzado e se converta nunha alternativa ó goberno de Mariano Rajoy. Máis competencias e máis financiamento para as comunidades autónomas é o que reclamou o precandidato en Pontevedra. Autonomía pero de xeito equilibrado e igualitario que pasaría pola adopción dun modelo federal. Unha alternativa, pola que, segundo Madina, ata agora só apostou o PSOE. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/27/eduardomadina.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/06xuno/27/EDUARDO_MADINA_PONTEVEDRA.mp4{/flowplayer}