Multiplícanse os apoios para que Cambados siga tendo xulgado

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/01/xustiza.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/07xullo/01/rueda_cambados.mp4{/flowplayer}

PONTEVEDRA> Multiplícanse as peticións para que o Xulgado de Cambados se manteña. Onte foi o decano do Colexio de Avogados de Pontevedra a reunirse co Alcalde de Cambados, o que se comprometeu a loitar a prol da súa permanencia na Capital do Albariño. Esta mañá preguntámoslle ó Conselleiro de Xustiza por este tema trala súa reunión co Presidente do Consejo General del Poder Judicial.

A Xunta de Galicia avoga pola permanencia do Xulgado de Cambados, en contra do que dispón o anteproxecto da Lei Orgánica do Poder Xudicial que promove o Ministerio de Xustiza. Esta mañá, o Presidente da Xunta e o Conselleiro de Presidencia reuníanse en Santiago co Presidente do Consejo General del Poder Judicial para falar destes e doutros asuntos. O Goberno Galego entende que debe manterse a planta xudicial galega, alomenos nas grandes cidades, malia que poidan especializarse ou sufrir algunha outra transformación que os faga máis operativos. Entre eses xulgados que corren o risco de desaparecer figura o de Cambados. Onte mesmo, o rexedor desta localidade recibía ó decano do Colexio de Avogados de Pontevedra, Ramón Jáudenes López de Castro para abordar este asunto. O decano achegoulle un completo estudio no que se xustifica que deixar a Cambados e outros núcleos importantes sen xulgado afastará a xustiza dos cidadáns e virá a empeorar o servicio que prestan os xusticiables para con eles. O Alcalde de Cambados non puido estar máis de acordo con esta proposta e, en consecuencia, fará chegar este informe ós demais alcaldes da contorna. Para Luís Aragunde este é o asunto máis importante para Cambados desde que chegou á Alcaldía e comprometeuse a “deixarse a pel” na súa defensa. No fondo deste cometido contará co apoio da Consellería de Xustiza do Goberno Autonómico.