Os furtivos denuncian agresións por parte de vixilantes e mariscadores

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/24//denunciafurtivosagresions2402151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/24//denunciafurtivosagresions240215.mp4{/flowplayer} BOIRO> Tensión nas praias de Boiro ante os últimos enfrontamentos entre mariscadores e furtivos. Estes últimos denuncian ter sufrido agresións por parte dos vixilantes e mesmo de directivos do pósito; acusacións que dende a confraría negan rotundamente. Lonxe de calmar os ánimos, o anuncio da catalogación como delito do furtivismo non fixo máis que remover aínda máis as augas en Cabo de Cruz que conta cun numeroso colectivo de mariscadores ilegais agrupados nunha plataforma. A ameaza da pena de prisión non será suficiente para disuadilos. Teñen claro que seguirán baixando ós areais en busca de sustento. A consideración penal do furtivismo reincidente é, para este colectivo, tan só unha mostra máis da persecución á que están sometidos. Critican que a administración os trate como delincuentes cando na súa maior parte son pais de familia que precisan mariscar para comer. Ademais do control por parte da administración e das forzas de seguridade, denuncian agora as agresións sufridas polos propios vixilantes e mariscadores do pósito, polas que xa teñen presentado denuncias. Pola súa banda, dende a confraría crucense desmenten por completo estas acusacións. Insisten en que os únicos episodios violentos acontecidos nos areais son provocados polos furtivos. No seo do pósito recibiron con gran optimismo o anuncio do endurecemento das penas para os furtivos reincidentes xa que contribuirá a frear a extracción ilegal que ten esquilmado as súas concesións. Coa modificación do código penal e a acumulación de sancións consideran moi improbable que os furtivos poidan integrarse legalmente na confraría polas sancións acumuladas. Algo que si conseguiu Cándido que durante anos traballou ilegalmente nas concesións ata que conseguiu o permiso de explotación. Coa experiencia que dá ter estado nos dous bandos, insisten na necesidade de erradicar a violencia e apostar polo diálogo para conseguir unha convivencia tranquila nas praias crucenses onde hoxe a tensión é a tónica dominante.