Multitudinaria procesión na honra da Virxe do Carme en Cabo de Cruz

    BOIRO> Na xornada de hoxe foron moitas as vilas mariñeiras, nas dúas beiras da ría de Arousa, as que conmemoraron a festividade da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Os actos en homenaxe á Virxe do Carme en cabo de Cruz comezaron coa celebración dunha misa solemne, ás doce, na lonxa da localidade á que asistiron numerosas autoridades, entre elas, boa parte da corporación municipal, aproveitando a xornada de festivo local, co seu alcalde á cabeza, Xoán Xosé Dieste. Tras a misa, a patroa dos mariñeiros foi sacada a ombreiros ata o peirao onde se iniciou a procesión marítima. O bo tempo fixo ademais que foran centos de persoas as que se subiron as embarcacións para acompañar a imaxe no seu paseo habitual pola ría, evidenciando a gran devoción que se sente pola virxe neste pobo mariñeiro. Como vén sendo costume, no interior da ría, realizouse a tradicional ofrenda floral en lembraza de tódolos falecidos no mar, para a continuación regresar de novo ó porto.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí