Ribeira acollerá este próximo domingo o sexto Campionato de Caza San Huberto

RIBEIRA> O certame, presentado esta mañá no concello, desenvolverase no lugar de Chans de Folgoso no monte da Curota. No campionato, promovido pola Sociedade Caza e Pesca Barbanza coa colaboración do concello ribeirense e o apoio de numerosos patrocinadores, tomarán parte preto de trinta afeccionados á cinexética. A proba, dará comezo ás nove da mañá, e será valedeira para a Copa Galicia. Cada participante na proba deberá abatir acompañado dun can dúas perdices nun terreo de entre 4 e 5 hectáreas. Durante o exercicio os xuíces valorarán distintos parámetros, como a competencia e pericia do cazador, as cualidades naturais do can ou o adestramento recibido. O prazo de inscrición está aberto ata o mesmo día da proba, co cal aqueles que queiran sumarse á competición poden persoarse no lugar da cita e apuntarse. Haberá trofeos para todos. Dende a organización agradeceuse a colaboración dos patrocinadores e especialmente da Comunidade de Montes de Oleiros que aportou o terreo da competición.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí