Crónica da xornada na Terceira Galega

SALNÉS > Se a xornada anterior non foi nada boa para os intereses dos equipos da comarca, o balance desta última fin de semana é aínda peor.

So o Vilalonga foi quen de puntuar na súa visita ó filial do Pontevedra. Céltiga e Portonovo saíron derrotados dos seus respectivos compromisos. Tamén o fixo o Arousa de Juan Laxes, que podería perder hoxe o seu posto de adestrador.

Comezamos por abaixo, polas malas novas que nos trae o Portonovo que é o novo colista tras caer en Baltar ante o Alondras, por 1-2. Como ven sendo habitual, os de Piscis estiveron negados cara o gol e iso aproveitouno un rival que por momentos amosou moi bo fútbol. Melchor acadou o tanto local no último minuto do encontro.

Outro que perdeu foi o Céltiga, que encadena dúas derrotas consecutivas. A última ante o Rápido de Bouzas. O partido foi moi igualado e un empate faría xusticia, pero Moi a cinco minutos do remate, nunha das poucas aproximacións do Bouzas, deu a victoria ós locais.

O que non levanta cabeza é o Arousa, que só suma un punto nos últimos sete partidos. Derrota na casa ante o Montañeros, por 1-2, que pon ó técnico Juan Laxes ó borde da destitución. Esta noite reunirase a xunta directiva para trata-la continuidade do técnico, aínda que todo apunta a que seguirá como mínimo unha semana máis. Os vilagarcianos son cuartos pola cola.

O único que arañou algo positivo foi o Vilalonga (1-1). Empate no campo da Xunquiera ante o Pontevedra B, nun partido no que o mellor foi o porteiro visitante César. Punto importante tendo en conta que o filial granate foi o que levou o peso do encontro.

Redacción Salnés