Dezasete empresas optan ós Dolmen deste ano

    NOIA> Competirán por vencer nalgunha das seis categorías. A gala da Federación de Empresarios do Barbanza celebrarase, o venres día 5, no liceo de Noia.

    A Federación de Empresarios do Barbanza prepárase para a súa gala anual dos Dolmen de Ouro, que afrontará a súa XXVI edición. Este ano a cita incorporará destacadas novidades no que respecta á estrutura dos premios. En vez de outorgar galardóns por asociacións locais farase por categorías. Haberá un total de seis apartados e nelas competirán 17 empresas de diversos concellos. Á categoría de empresa familiar optan Hotel Tío Manolo, Juan Martínez Blanco, Construcciones Constantino López López e Casa Jurjo. Polo galardón que recoñece a implantación I+D+i loitarán a clínica dental Dr. Gonzalo López Castro e Confecciones Hortensia. No apartado de internacionalización atópanse Platacero e A Poutada. O título que recoñece a excelencia na xestión será para Busto Corzón ou Ganadería Tierra Celta. Por outro lado, o Club Náutico Marina Cabo de Cruz opta ó Dolmen que recoñece a promoción turística xunto ó Hotel Teixoeira, ós campings Ría de Arosa e ó Bar Loreto. Péchanse os Dolmen de Ouro co premio á iniciativa emprendedora, que poderá recaer en Habelas Hailas, Mascolor Soluciones Gráficas ou 5FM radio. O xurado, que se encarga da concesión dos premios Dolmen de Ouro deste ano, estará presidido polo profesor, experto en turismo, Domènec Biosca. O ilustre consultor estará acompañado por Santos Oujo, exconselleiro de Industria e presidente de honor da Federación de Empresarios do Barbanza, Xoaquín Fernández Leiceaga, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Ciprián Rivas, director do gabinete do reitor da Universidade de Vigo, e Mariña Graña, secretaria xeral da Confederación de Empresarios da Coruña. Así mesmo, a secretaria da Federación de Empresarios do Barbanza actuará de secretaría do xurado pero non terá voto.