AETAN esixe o relevo na xerencia da Mancomunidade Arousa Norte

    aetan_100_170809.jpgBARBANZA> A asociación de Empresarios Turísticos de Arousa Norte (AETAN) solicita un cambio de rumbo na xerencia da Mancomunidade.

    {flowplayer}barbanza/aetan.flv{/flowplayer}

    O fracaso da posta en marcha dun Consorcio Turístico na comarca e a falta de entendemento entre a anterior directiva de AETAN e a xerencia de Arousa Norte motivou o deterioro das relacións entre ambas entidades, chegando ao punto mesmo de discrepar nas estratexias a seguir para levar a cabo un plan de desenvolvemento turístico da comarca.

    ‘Ignorados’

    O recente anuncio por parte da Mancomunidade Arousa Norte de asinar acordos puntuais co goberno autonómico sen contar cos empresarios deste sector non sentou nada ben no seo de AETAN, que lamenta o desprecio que a actual xerencia da Mancomunidade dá ós empresarios, ignorando as súas propostas e iniciativas.

    Os empresarios cren que as propostas da Mancomunidade non se axustan ó que pretendía ser o Consorcio que ante todo buscaba iniciativas diferenciadoras como marca propia de destino turístico, formación, promoción e comercialización dos recursos turísticos da Barbanza.

    Segundo aseguran dende AETAN, iniciar calquera xestión ou proxecto de interese sectorial sen contar co colectivo empresarial é unha mala estratexia de xestión, polo que instarán aos responsables políticos da Mancomunidade a realizar un “cambio de rumbo” na situación, aínda que isto supoña un relevo de xerencia da entidade co obxectivo de crear un novo marco de diálogo e colaboración entre a Mancomunidade e a Asociación Turística.

    Unha vez remate a temporada de verán, retomarán conversas co actual presidente da Mancomunidade Arousa Norte, que nesta quenda correspóndelle ao alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, para trasmitirlle as súas inquedanzas.

    Redacción Barbanza