Arte ó aire libre nas rúas da Pobra

POBRA> Como xa ven sendo habitual, a Pobra do Caramiñal volverase a converter este mesmo sábado, 7 de setembro, no escenario perfecto para acoller unha nova edición de ‘Olladas na Rúa’. Trátase dunha exposición temporal de arte ó aire libre na que se poderá desfrutar da obra de 33 artistas nos Xardíns Valle-Inclán.

Un ano máis o Concello da Pobra aposta pola arte como forma de expresión. Así, quen visite a vila poderá admirar de balde esta exposición de pintura e escultura.

Este ano, ademais de artistas da comarca do Barbanza, tamén exporán nos Xardíns Valle-Inclán pintores e escultores doutros concellos da provincia de Pontevedra.

Durante a xornada do sábado, repartiranse catrocentos folletos informativos nos que se explica a autoría e as características de cada obra. Tamén se poderá ler o prólogo a cargo de Manuel Cartea, da Asociación Cultural Barbantia.