Vintedous desempregados beneficiaranse do obradoiro Curota

    RIBEIRA> O obradoiro realízase conxuntamente entre Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.

    22 veciños e veciñas, da comarca do Barbanza, beneficiaranse dun novo curso formativo no ámbito da ‘Pavimentación e Albanelería de Urbanización’. O obxectivo destes obradoiros é ampliar as posibilidades dos participantes de introducirse no mundo laboral, mediante a formación teórico-práctica. Os alcaldes de Arousa Norte instaron ó alumnado a aproveitar esta oportunidade. Durante seis meses, os alumnos-traballadores realizarán diversas actuacións nos distintos concellos, que repercutirán en beneficios para toda a veciñanza. En Ribeira van levar a cabo a renovación do pavimento nas beirarrúas da avenida da Coruña, e a instalación da rede de pluviais que irá desde a rotonda do paseo marítimo de Coroso ata a rúa Lagareu. No concello da Pobra do Caramiñal procederase á construción de beirarrúas e dunha rede de pluviais no lugar de Silva. No municipio boirense executarase unha renovación de beirarrúas, con pasos de peóns, na parroquia de Escarabote. E xa en Rianxo realizaranse diversas melloras viarias e de accesibilidade desde Cruce do Pazo ó tanatorio e noutros seis puntos da vila. Este obradoiro formativo financiase con fondos da consellería de Traballo e Benestar.