A ANPA do IES Pobra segue recabando apoios para a mellora do centro

    POBRA> a última foi a visita do deputado do Partido Socialista, Francisco Caamaño, que se interesou pola súas demandas. Acompañado da portavoz socialista no concello, Teresa García Guillán, Francisco Caamaño, mantivo un encontro con representantes da ANPA e da propia dirección deste centro educativo, para escoitar de primeira man as súas demandas. Era unha máis das diferentes reunións que a ANPA do centro está a manter cos grupos políticos representados no concello. Durante a xuntanza trasladáronlle as principais eivas que presentan as instalación do instituto, a maioría delas xa coñecidas como é ocaso dos problemas de humidades e filtracións, a falla de accesibilidade ou o acceso a internet, problemas de índole estrutural ás que se lle suma agora tamén a falla de persoal, ó reducir unha praza de profesor de pedagoxía terapéutica. Precisamente o alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, e a edil de Educación, Encarnación González, tamén quixeron dar a súa versión sobre toda esta polémica que se está a xerar en relación co estado do instituto da localidade. Segundo eles técnicos da xefatura territorial de Educación xa se desprazaron ata a localidade para realizar una visita ás instalacións e avaliar o seu estado, e estase á espera dunha reunión con responsables da propia Consellería para iniciar canto antes a súa mellora. Os membros do executivo pobrense facían estas declaracións durante unha visita á escola infantil Monte Carmelo, onde o concello e a Fundación Pedro Barrie de La Maza, realizaron un importante investimento. En total uns 50 mil euros que supuxeron a instalación dos canalóns e unha cuberta na zona de xogos, e a dotación de novos elementos de xogo no patio do colexio.