‘Non é aceptable levar máis de 24 reformas de calado do Código Penal’

    VILAGARCÍA> A Cámara de Comercio acolle unha nova xornada de traballo promovida por FGA Avogados, na que o Maxistrado-Xuíz do Xulgado de Vixilancia Penitenciaria número 2 de Vilagarcía, Fidel del Río, realizou unha radiografía da actual aplicación do Código Penal en relación ós delitos cometidos por administradores sociais ou por sociedades de capital. Del Río amosouse moi crítico pola actual tendencia a aplicar a lexislación penal a infraccións que poderían ser solventadas por outras vías xurídicas. O Dereito Penal é unha rama do ordenamento xurídico á que só se debe acudir naqueles casos nos que a protección dun ben xurídico ou dun dereito non se poida realizar con garantías por medio doutra rama do ordenamento xurídico. É dicir, só en casos excepcionais e en base a unhas regras marcadas. Partindo desta base, o Maxistrado-Xuiz do Xulgado de Vixilancia Penitenciaria número 2 de Vilagarcía artellou esta mañá unha dura crítica á ‘fuxida do Dereito Penal’, ou o que é o mesmo, a tendencia a aplicar a norma penal a infraccións que poderían ser solucionadas por outras vías. Del Río realizaba estas reflexións no marco do terceiro almorzo de traballo que o gabinete FGA Avogados de Vilagarcía e a Cámara de Comercio programaron conxuntamente. Desta volta o tema a analizar foron os tipos de responsabilidades penais que se derivan de delitos cometidos polos administradores sociais ou polas propias sociedades de capital. O Maxistrado desgranou as infraccións susceptibles de desencadear imputabilidade penal, e cargou fortemente contra a tendencia de reformar o Código Penal para aplicalo a eidos que non deberían ser regulados por este sistema. Reformas sistemáticas que non levan máis que ó ‘fracaso’ do sistema e un ‘descrédito total’. Delitos societarios, contra a Facenda Pública, corrupción entre particulares ou tráfico de influencias son algúns dos supostos susceptibles de xerar responsabilidade penal polos administradores. Violacións da lei penal que poderían conlevar para os administradores penas de cárcere de ata tres anos e para as persoas xurídicas desde sancións económicas ata a prohibición de realizar determinadas actividades ou a intervención xudicial. Supostos concretos, insiste Del Río, ós que a aplicación do Dereito Penal se debería realizar de xeito escrupuloso e só en caso de excepcional necesidade. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/26/delriodereitopoenal.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/26/XORNADA_DEREITO_CAMARA_VILAGARCIA.mp4{/flowplayer}