Dureza extrema no Trail de San Isidro

POBRA> Onte domingo disputouse a segunda das probas do Revolutrion Trail Series 2020: o Trail de San Isidro, que estivo este ano moi condicionado pola climatoloxía. A vitoria en homes foi para Esteban Toucedo e en féminas Verónica Calvo.

Sen dúbida é unha das probas máis esixentes do circuíto e onte volveu a demostrarse. Á súa dificultade técnica, houbo que sumarlle ademais o mal tempo existente, con chuvia, vento e néboa, unha circunstancia que provocou que os corredores tiveran que extremar as precaucións. Tamén o fixo a organización, Arousa NeO, que decidiu cubrir con máis voluntarios aqueles puntos de maior complicación, nos que había escasa visibilidade. Dos 270 inscritos tomaron a saída 220 e dese total remataron 218. Houbo dous abandonos. Un por hipotermia e outro por unha torcedura de nocello.

A vitoria na xeral foi para Esteban Toucedo que vencía nun apurado sprint na liña de meta a Óscar Brión. Paraban o tempo en 1:15:28. Por detrás deles a máis de dous minutos entrou o terceiro clasificado Óscar Guerra.

En mulleres a vitoria foi para Verónica Calvo que parou o crono 1:29:50. En segunda posición entrou Beatriz Barroso e en terceira posición Elena Matalobos.

Por equipos o trunfo foi para o Maxiko Masaxes Kiko, seguido do Tribu Trail e o Club Atletismo Cambados.

As próximas citas do circuito serán Porto do Son, o 15 de marzo; e o de San Lois, en Noia, o 19 de abril; para rematar en Ribeira co Ultratrail do Barbanza, de 42 km., o día 10 de maio.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí